Feche do laboratorio aberto

O domingo (ultimo día do laboratorio aberto) as mesas de traballo foron fechando o proceso do seu prototipo, documentando o máximo posíbel, e pensando en futuros pasos.

Pirelli de Bricolabs probou a engadir o metacrilato a súa estructura de calentador solar para crear a cámara de aire quente, descubrindo que o ideal seria mudar o material por policarbonato ou quentar moito o metacrilato antes de tentar darlle flexibilidade. Proceso a seguir nas sesións dos venres de Bricolabs.

Hábitat-Fototrampeo tivo unha posta en común de todo o traballo realizado con catro persoas de Hábitat, entre elas as persoas que levan a páxina web.Deste xeito, falamos de como poder integrar a aplicación web realizada  na súa web para divulgar/liberar o seu arquivo de fototrampeo e especies da zona. Fixemos tamén unha mesa de traballo de instalación de Rapsbian para preparar as dúas cámaras, tanto a de Habitat orientada a fototrampeo, como para a de Belén, orientada a vídeo experimental, co apoio de Quiroga. Daráselle on-line continuidade e seguemento. Por ultimo, pensamos en diferentes ideas para prototipos tecnolóxicos relacionados co seu traballo de campo, alén do seguemento e teste do prototipo realizado.En vindeiros resumos específicos por mesa de traballo contareivos máis.

IMVEC centrou o día en documentar o colector de ar construido durante o laboratorio, que entrará na fase de testeo ao atopar un entorno axeitado para controlar as variábeis de sensores de gas.

Pornortopedia documentou o deseño dos dous prototipos, e acabou a confección material de todos eles. No apartado técnico faltáronnos un para de compoñentes de electrónica para poñer en funcionamento os códigos e circuitos realizados. Geeksha incoporará esas compoñentes para que Majo poida pasar á fase de testeo dos prototipos coa asociación Grumico da cidade, ou outras persoas do colectivo de diversidade funcional que poidan estar interesadas.

A Open Pet fíxoselle unha aportación conceptual no enfoque da aplicación que irá acompañada de código nas próximas semanas se os desenvolvedores principais do proxecto poden/queren dar segumento as tecnoloxías escollidas (django e foundation).

Simultáneamente a facer as entrevistas correspondentes ás mesas de traballo, acabamos o día facendo molduras de pegadas de raposo e nutria con barro e escaiola.Coas mans na masa e cerveza final no bar habitual do espazo!!!!

Seguimos co proceso.Nos vindeiros días iremos divulgando progresivamente as entrevistas e artigos pormenorizados e específicos por mesa de traballo, incluindo as hipóteses de teste dos prototipos.

Grazas a tod@s por participar do Ateneo e facer correr esa enerxía do compartir tan fermosa nos laboratorios abertos.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *