Calentador solar: enerxía limpa desde material reciclado

A mesa de traballo do Calentador Solar aproveitou a momento emerxente do Ateneo Atlántico para comezar o prototipo de quentador solar a partires dunha caldeira de auga reciclada no lixo.O obxectivo é facer unha das infraestructuras máis queridas no ámbito da permacultura: aproveitar o lixo electrónico, neste caso unha caldeira de auga, para elaborar un novo dispositivo coa capacidade de quentar a auga a partir da enerxía solar, é dicir un dispositivo de enerxía limpa. Proposta enorme de Pirelli, pertencente ao colectivo Bricolabs, colectivo que se reúne habitualmente e é anfitrión sa sala Makers da Domus, onde se ubicou o Ateneo Atlántico de Prototipado.

Pirelli, coa colaboración de efkin e dalgúns amigos que chegaron de Betanzos a axuda-lo avanzou o prototipo facendo os cortes precisos coa radial, empregando o spray negro preciso etc e avanzando moito o prototipo ata atoparse co problema de que o metacrilato resultou non ser flexíbel abondo para adaptarse a unha superficie convexa (alomenos sen quentala previamente). O único que precisa Pirelli actualmente é sustituir a lámina de metacrilato por outra doutro material máis flexíbel ou experimentar a quentar previamente o metacrilato.
Con ese último detalle xa tería rematado o prototipo que pasaría á fase de testeo e optimización. Alén do emprego que se poida facer a nive doméstico deste prototipo en concreto, ofrece unha documentación que potencia a súa replicabilidade a nivel doméstico ou a nivel doutras asociacións e colectivos.Podes ver a documentación da mesa de traballo neste foro.

Por outra banda, Xoán de Bricolabs atendeu o reto de elaborar un sistema que potencie a entrega de pedidos pola tarde no mercado municipal, comezando un prototipo que permita contrastar os pedidos pagos coas recollidas dos pedidos mediante a tecnoloxía RFID, e testando tamén a compatabilidade coa tarxeta municipal Millenium (que emprega tamén o mesmo protocolo de base). O prototipo está aínda en fase moi experimental, pero Xoán manifestou o seu interese en seguir investigando e avanzando tanto para o caso de uso do mercado municipal, como para o caso de uso do propio acceso á sala Makers da Domus. Con respecto ao caso de uso do mercado municipal de Montealto e atendendo as conversas previas ao Laboratorio Aberto, este mercado dispón xa dunha cámara frigorífica que podería ser empregada para que as persoas dos postos deixen os pedidos encargados alí. Deste xeito, cando as persoas consumidoras viñeran a buscalos pola tarde(se é o único momento no que poden ir), o conserxe podería entregalos xa que ten horario de tarde tamén. O dispositivo proposto por Xoán contribuiría a optimizar este servizo e tentar promover o emprego do pequeno e mediano comercio fronte as grandes superficies por xenerar maior soberanía e beneficio local.

Tucho de Bricolab, propuxo un dispositivo para satisfacer as demandas na primeira fase do Ateneo do CEIP Víctor López Seoane de cara á campaña por un Camiño Escolar Seguro en Montealto,así como a xurdida na AAVV Montealto co tema dos pasos de peóns e persoas cegas. Tucho propuxo unha pulseira electrónica con sensor de presencia que poida avisar a quen se achega aos pasos de peóns se pasan coches ou non, tendo en conta que no barrio de Montealto existe pouca presencia de semáforos e consecuentemente dos seus avisos sonoros. Tucho comenta que lle gustaría retomar a proposta de desenvolvemento do prototipo a partir de comezos do 2017.

Grazas a tod@s por participar co prototipo de Calentador Solar e por idear ou comezar a traballar noutros prototipos desde o colectivo Bricolabs!!!!

Pornortopedia: kit sexual adaptado para o colectivo de diversidade funcional

A mesa de traballo de Pornortopedia participou no espazo do Ateneo deseñando e construíndo un novo prototipo de xoguete sexual adaptado ás necesidades do colectivo de diversidade funcional, específicamente ás persoas que empregan cadeira de rodas por problemas de mobilidade.

O proxecto Pornortopedia xurde a partir de que un colectivo de diversidade funcional de Barcelona solicitase un taller de sexualidade ao colectivo de performance e vídeo Post-Op, adicado a traballar a sexualidade desde unha perspectiva transfeminista de non-normatividade a nivel de corpos desexables, de xénero, de inclusión da diversidade sexual etc. Desde entón unha das liñas de traballo a nivel colaborativo foi o deseño (partindo dos desexos de persoas do colectivo como Anxela de Compostela, e o asesoramento específico das Post-Op) de xoguetes sexuais adaptados para a auto-exploración e/ou  a interacción con outras persoas en calquera rango de mobilidade. No apartado de asesoramento técnico outras persoas do ámbito do código e hardware libre aportaron o seu coñecemento contribuíndo á transdisciplinariedade do proxecto e do deseño dos prototipos.

Dado que a galega Majo, unha das dúas integrantes de Post-Op está de volta en Galiza, vivindo a cabalo entre Coruña e Vigo, participou como mesa de traballo local no Ateneo, facendo traballo de campo por diversas asociación e colectivos da cidade atopando interese por testar os prototipos a desenvolver no evento por parte de Grumico, e interese de coñecer máis sobre o tema por parte de AGASEX, asociación galega de saúde sexual residente tamén na cidade de Coruña.

Para coñecer máis detalles sobre os prototipos desenvolvidos (un parche vibratorio multi-ubicábel e un colar vibratorio con controlo remoto inseríbel na cadeira de rodas e con botóns adaptados a unha psicomotricidade non fina), podes consultar o seguinte foro.

Majo elaborou por completo o deseño dos prototipos e o traballo de campo co colectivo de diversidade funcional, Pirelli deu soporte no emprego da dremmel e outras máquinas precisas da sala Makers de Bricolabs, co gallo de personalizar a caixa do control remoto dos prototipos, e por último geeksha deu soporte no código e electrónica dos prototipos.

Tras uns retoques que se realizarán en xaneiro no circuito e electrónica, os prototipos pasarán á fase de testeo e optimización por parte da asociación Grumico interesada ou outras potencias asociación, colectivos e persoas interesadas.

Grazas a tod@s pola participación nesta mesa de traballo de DIY/DIWO saúde (como categoría biopsicosocial)e pracer transfeminista  🙂

IMVEC: colector aire limpo para calibración sensores de gas

A mesa de traballo de IMVEC (Instituto de Monitorización e Vixilancia de Espacios Contaminados) aproveitou o espazo do Ateneo Atlántico de Prototipado para avanzar un dos prototipos do seu planning de traballo.

Tendo xa un primeiro prototipo de medición da calidade do aire con arduino e sensores de gases da serie MQ, atópanse con problemas de precision na medición típicos dos sensores de gases de baixo custe. Sendo fundamental para o proxecto facer un kit o máis económico posíbel para ser replicábel e envolver o maior número de cidadás posíbeis na monitorización e denuncia de espacios contaminados, pensaron na hipótese de construir un colector de aire limpo de baixo custe para autocalibrar os sensores antes que mercar un hardware máis costoso.

Neste foro poderedes atopar documentación detallada da construcción do colector de aire limpo que foi construido na súa totalidade durante o Ateneo (con asesoramento de Pirelli de Bricolabs), e está á espera de ser testado nunhas condicións ambientais que poidan ser consideradas limpas, pre-requisto imprescindíbel para poder autocalibrar os sensores de xeito correcto. Unha vez que este teste sexa realizado, podérase considerar se se pode solucionar o calibrado (e a precisión da medición) dos sensores deste xeito ou se se precisa recurrir a outro hardware que encareza un pouco máis o kit de monitorización.

Durante o Ateneo, o IMVEC, e concretamente o Xosé Quiroga, contou coa visita do CartoLab da Universidade de Coruña, interesad@s en facer rede e poder colaborar na fase de cartografía dos espazos contaminados.

Grazas a Quiroga, a Pirelli e a CartoLab pola súa presencia e participación nesta mesa de traballo!!

Hábitat:fototrampeo

Unha das mesas de traballo do Ateneo Atlántico máis interdisciplinar conxugando técnicas de estudo do ámbito biolóxico das mans da asociación do barrio de Montealto Hábitat, xunto a hardware libre, software libre, vídeo creativo…

Desde a creación dun prototipo de cámara con autonomía enerxética e detección de presencia de animais para poder capturar diferentes especies baseado na Rapsberry Pi e hardware libre, seguindo polo prototipo dunha visualización web e buscador para vídeos das diferentes especies, ata un vídeo-resumo de divulgación desde e para a cidadanía deste coñecemento de biodiversidade autóctona.

O seguemento do proceso levouse e lévase a través dun foro.

O prototipo iniciais de cámara precisa dun pequeno seguemento antes da súa implementación. Tras a instalación do paquete motion que deu algún problema coa rede existente no evento e a elaboración do buraco para a lente na caixa onde ubicar a Rapsberry Pi, o prototipo poderá pasar á fase de implementación-testeo onde recoller as deficiencias que poida ter na práctica para pasar á fase de optimización.  calidade dos vídeos aumentará co novo prototipo posto que a lente é moito mellor, sen aumentar o prezo do hardware, que pola súa modularidade permitirá optimización e engadido de funcionalidades.

O prototipo de visualización web quedou completado e coordenado co informático que leva a web do Grupo Hábitat para examinar o proceso de implementación na web e contribuir á divulgación do traballo da asociación e do coñecemento en mancomún sobre a biodiversidade da comarca. O mesmo con respecto ao vídeo-resumo que pode dar a coñecer o material acadado mediante esta técnica de estudo, só pendente da implementación na web.

No futuro, alén de testear e optimizar estos prototipos, contémplase a posibilidade de elaborar scripts de código para automatizar a incorporación dos novos clips seleccionados á base de datos da visualización, integrando ambos prototipos nun fluxo de traballo continuo.

Coa xente de Hábitat, que xa quedou a coñecer tamén a existencia de Bricolabs, veciños que non coñecían ata o momento, quedou feita unha choiva de ideas para pensar aplicacións de hardware e software libre para as súas técnicas de estudo: anelamento de aves para estudar as súas migracións (con RFID, por exemplo),  detección das diferentes especies de morcegos a través do seu ultrason (cun sensor de ultrason + arduino, por exemplo). Toda unha liña de DIY ciencia cidadá aberta por explorar na Coruña e en rede!!

Grazas á Grupo Naturalista Hábitat, Belén Montero, efkin, Xosé Quiroga e geeksha pola súa participación.