Feche do laboratorio aberto

O domingo (ultimo día do laboratorio aberto) as mesas de traballo foron fechando o proceso do seu prototipo, documentando o máximo posíbel, e pensando en futuros pasos.

Pirelli de Bricolabs probou a engadir o metacrilato a súa estructura de calentador solar para crear a cámara de aire quente, descubrindo que o ideal seria mudar o material por policarbonato ou quentar moito o metacrilato antes de tentar darlle flexibilidade. Proceso a seguir nas sesións dos venres de Bricolabs.

Hábitat-Fototrampeo tivo unha posta en común de todo o traballo realizado con catro persoas de Hábitat, entre elas as persoas que levan a páxina web.Deste xeito, falamos de como poder integrar a aplicación web realizada  na súa web para divulgar/liberar o seu arquivo de fototrampeo e especies da zona. Fixemos tamén unha mesa de traballo de instalación de Rapsbian para preparar as dúas cámaras, tanto a de Habitat orientada a fototrampeo, como para a de Belén, orientada a vídeo experimental, co apoio de Quiroga. Daráselle on-line continuidade e seguemento. Por ultimo, pensamos en diferentes ideas para prototipos tecnolóxicos relacionados co seu traballo de campo, alén do seguemento e teste do prototipo realizado.En vindeiros resumos específicos por mesa de traballo contareivos máis.

IMVEC centrou o día en documentar o colector de ar construido durante o laboratorio, que entrará na fase de testeo ao atopar un entorno axeitado para controlar as variábeis de sensores de gas.

Pornortopedia documentou o deseño dos dous prototipos, e acabou a confección material de todos eles. No apartado técnico faltáronnos un para de compoñentes de electrónica para poñer en funcionamento os códigos e circuitos realizados. Geeksha incoporará esas compoñentes para que Majo poida pasar á fase de testeo dos prototipos coa asociación Grumico da cidade, ou outras persoas do colectivo de diversidade funcional que poidan estar interesadas.

A Open Pet fíxoselle unha aportación conceptual no enfoque da aplicación que irá acompañada de código nas próximas semanas se os desenvolvedores principais do proxecto poden/queren dar segumento as tecnoloxías escollidas (django e foundation).

Simultáneamente a facer as entrevistas correspondentes ás mesas de traballo, acabamos o día facendo molduras de pegadas de raposo e nutria con barro e escaiola.Coas mans na masa e cerveza final no bar habitual do espazo!!!!

Seguimos co proceso.Nos vindeiros días iremos divulgando progresivamente as entrevistas e artigos pormenorizados e específicos por mesa de traballo, incluindo as hipóteses de teste dos prototipos.

Grazas a tod@s por participar do Ateneo e facer correr esa enerxía do compartir tan fermosa nos laboratorios abertos.

 

 

 

Ateneo: rematou o día 3

prototipoquiroga

O venres pola tarde produciuse un encontro entre as diferentes persoas participantes na mesa de traballo de Habitat-Fototrampeo, tremendamente activas tamén no foro. Compartiuse o material en bruto do vídeo, falouse do vídeo introductorio para a sección de fototrampeo, amosouse as primeiras views programadas e avanzouse na concreción de detalles para as seguintes.Falamos tamén do prototipo de cámara de fototrampeo coa Rapsberry (geeksha) e encargamos xa os materiais para facer unha o domingo pola mañán.

Pornortopedia continuou co seu traballo de campo e a asociación Grumico amosou interese en experimentar o prototipo resultante.

Xoán e Tucho aproveitando tamén a xuntanza semanal de Bricolabs continuaron a facer probas co lector de RFID e a tarxeta Millenium da Coruña.

Quiroga acabou a ensamblaxe do colector de ar para auto-calibrado de sensores que poñería a andar engadíndolle o ventilador no sábado, no cal Belén partillou xa o vídeo introductorio para Habitat e efkin rematou a última view do timeline.

Co comezo da fin de semana tamén comezou con moita forza a mesa de traballo do Calentador Solar de Pirelli con un par de colaborador@s matutinos. Radial e moita construcción a partir de reciclaxe para investir en enerxía limpa!! Alén da súa mesa, fixo un anfitrionaxe como bricolabber para facilitar o emprego das máquinas a Majo de Pornortopedia que estivo a preparar a caixa para incoporar os botóns e o joystick do controlo remoto do parche vibratorio. Tamén asesorou ao Quiroga na continuidade do seu prototipo.

Geeksha estivo a preparar os códigos para o emisor e receptor de infravermellos (control remoto do parche vibratorio) que haberá que subir o domingo pola mañán aos arduinos.

Mañán queda un día intenso e presentación (formato vídeos e/ou live) dos prototipos ás 18 horas.

Seguimos!!!

 

 

Ateneo: día 2 do laboratorio

dia-2

O laboratorio aberto arrinca motores coas primeiras mesas de traballo activándose. En Habitat-Fototrampeo comezamos co visionado do material, a definición dunha posíbel estructura/views, seteado do entorno de desenvolvemento, base de dados e primeiras views. Hoxe (venres) pola tarde teremos unha reunión con Andrés de Habitat, Belén de Esferobite que colabora na parte de vídeo e efkin de NaNO3 que está a desenvolver a aplicación polo de agora.Por outra banda, plantexamos unha hipótese para realizar un prototipo libre para a cámara de foto-trampeo.

A mesa de traballo de IMVEC co seu análise de medición da calidade do ar para denunciar espazos contaminados reuniuse onte con Cartolab da UDC, interesad@s en poder colaborar modularmente para a fase de interface web e visualización que procura o proxecto. Agora estamos a elaborar un colector de ar baseado nun filtro de carbono, cun ventilador e un paquete de patacas traballando na liña do auto-calibrado.

En Pornortopedia deseñamos os primeiros prototipos-xoguetes de autoestimulación vibratoria adaptado á cadeira de rodas e conseguimos o material para realiza-los. Hoxe, Majo de Post-Op está a realizar traballo de campo visitando as asociacións de colectivos con diversidade funcional de A Coruña para recoller feedback de usabilidade antes de prototipar na fin de semana.

Na mesa do sistema de RFID Xoán de Bricolabs estivo a experimentar co sistema das tarxetas Millenium da Coruña para ver como podería ser aplicábel o que está a comezar a prototipar en resposta a unha necesidade/desexo do Mercado Municipal de Montealto.

Tucho de Bricolabs e Noa do CEIP Víctor López Seoane comezaron a visualizar material e pensar en prototipos aplicábeis á campaña do Camiño Escolar Seguro.

Borja e Carolina pasaron a ver todo o material que poderían precisar para facer no fin de semana a súa mesa sobre cargadores para dispositivos eléctricos.

Este venres pola mañán, recibimos a visita da xente da Asociación Sen Ánimo de Nome que quixeron participar cunha jam no laboratorio…

…Seguimos!

Laboratorio aberto na Domus

flyerateneocaraa

Con algunha conversa intermedia aínda, mais o Ateneo xa está na conta atrás do seu laboratorio aberto!!!

Onde? Terá lugar na Domus (Sala Maker), sé habitual do colectivo Bricolabs.

Cando? O mércores 16 estaremos montando a sala e espazo virtual de documentación a partir das 17 h. Do xoves 17 a domingo 20 estaremos de 10 a 19 h (horario habitual do museo). O domingo ás 18 amosaremos o avance dos prototipos realizados.

Quen? As diferentes persoas e colectivos que participaron da convocatoria, xunto a aquel@s que decidan propoñer unha mesa de traballo nestes últimos días, ou simplemente pasarse por alí. É un evento aberto.

Que acontecerá? A partir do xoves, comezaremos cada día cunha pequena asamblea onde nos presentamos , contamos o proxecto/mesa de traballo que imos facer ou a curiosidade que nos levou alí etc. A continuación, desenvolvemos as mesas de traballo e faremos micro-talleres á carta entre as asistentes (por exemplo, prototipado). Ao rematar, o domingo amosaremos os diferentes prototipos realizados polos nós (proxectos).

flyerateneocarab

Propostas de mesas de traballo:

Sistema RFID para supervisar a entrega dos pedidos no mercado. Xurde dunha necesidade/desexo do Mercado Municipal de Montealto, que Xoán de Bricolabs anímase a prototipar.

Open Pet: Aplicación/Servicio web de visualización de datos de protectoras de animais. GPUL dándolle continuidade a un proxecto xurdido do hackathon de datos abertos.

Habitat (Foto-trampeo): O Grupo Naturalista Habitat emprega habitualmente unha técnica de estudo para detectar e monitorizar especies chamado foto-trampeo. A mesa de traballo consistiría en optimizar o seu traballo cunha aplicación web que permita facer navegábel o seu arquivo de imaxes/vídeos categorizado, e/ou facer un prototipo libre da cámara camuflada que empregan para detectar a presencia de animais e capturar as imaxes.

-Sistema DIY estandarizado de calibración de sensores de medición da calidade do aire: O Instituto de Monitorización e Vixilancia de Espazos Contaminados é unha institución cidadá aberta adicada ó desenvolvemento de prototipos, a investigación e a formación ecoforense orientada á xeración de ferramentas para a adaptación humana ós procesos de contaminación relacionados coa xestión de residuos urbanos en vertedoiros, industria pesada e minería.

Pornortopedia: Post-Op propón o desenvolvemento dunha sistema vibratorio con control remoto que integrar na cadeira de rodas para poder facer auto-exploración vaxinal/anatómica simultaneamente a obter pracer . É un novo prototipo no seu traballo de sexualidade en colaboración co colectivo de diversidade funcional.

Dispositivos de enerxía libre: Proposta de Borja Fernández para poder abastecer de xeito autónomo teléfonos ou tablets.

Calentador solar: construcción de un calentador solar a partir dunha neveira reciclada.Proposta de Gino de Bricolabs.

Outras dúas ideas a prototipar a raíz das conversas mantidas serían:

-Aplicación móbil co pequeno comercio de Montealto xeolocalizado (saíu tanto na conversa coa AAVV como na do Mercado)

-Dispositivo sonoro para facilitar o cruzamento dos pasos de peóns a nen@s e ceg@s: xurdiu tanto na conversa co CEIP Seoane dentro da campaña Camiño Escolar Seguro, como na conversa con AAVV.

Nestes dous casos, queda por ver quen se encarregaría do seu desenvolvemento técnico.

 

 

 

 

Conversas da primeira fase ;)

conversas-da-primeira-fase

Ao longo desta semana, o Ateneo discorreu cunha serie de conversas e choivas de ideas con diferentes colectivos e axentes do barrio de Montealto. Alén do CEIP Víctor López Seoane e da AAVV de Montealto, estivemos argallando ideas co Grupo Naturalista Habitat, coas xentes do Mercado Municipal de Montealto, coa ASCEGA (Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia), con xente de Esferobite e, por suposto, cos colectivos GPUL e Bricolabs.

Deste proceso de posta en común de necesidades/desexos sumado a  propostas chegadas da convocatoria aberta xurde a lista de proxectos a prototipar (mesas de traballo) que publicaremos este luns. Estades a tempo de sumarvos como colaboradorxs ou a propoñer algún outro proxecto ao longo da semana, ou mesmo a partir do xoves que comeza o laboratorio aberto, sempre tendo en conta o tempo preciso para a xestión de materiais.

Van chegando os tempos de prototipar, querida comunidade!A segunda fase do Ateneo está ao caer!!

Taller Prototipado coa AAVV Montealto

dsc_2951_edited

Hoxe ás 20 horas moverémosnos ata a AAVV de Montealto a facer un taller de Prototipado coa viciñanza para alimentar e empodarar a creatividade do barrio. Se @s rapac@s de sexto conseguen, facendo algoritmos das súas actividades cotiás, achegarse a conceptos como bucles, secuencias, repetición, aleatoriedade ou liberdade de pensamento humano fronte á secuencialidade da máquina, o que non poderán na AAVV 🙂

O periplo do día de hoxe comezou na zona do mercado municipal, facendo brainstorming conxunto con Andrés do Grupo Naturalista Habitat que tamén participará no evento intensivo do Ateneo. Unha sesión do máis enriquecedora: pegadas de biodiversidade para apoiar a campaña de camiño seguro para nenxs (da que me falara Noa do CEIP Víctor López Seoane na choiva de ideas que tivemos o martes pola tarde), visualización para as imaxes e vídeos recollidas coa técnica de estudo do foto-trampeo para recoñecer e catalogar especies animais…

Idear para logo prototipar!Seguimos.

Taller de prototipado no CEIP V.López Seoane

dsc_2925_edited

O Ateneo foi debullando preguntas, con paciencia, sen présa por recibir a/s resposta/s. Algunhas foron caendo e amoreándose como as mesmas follas outonales que (con sorte e dependendo da zona da cidade) podes pisar mentras camiñas.

Xa feito o Samahín, o Ateneo comeza a súa primeira fase coa mesma premisa de camiñar preguntando. O martes 8 pola mañán estaremos no CEIP Víctor López Seoane e cos seus alumn@s de sexto de primaria nun taller sobre pensamento algorítmico e taller de prototipado. O xoves 10 ás 20 horas o taller de prototipado chegará a AAVV de Montealto, a ANPA do CEIP Seoane e a todo aquel que por alí queira pasarse. Ao longo da semana teremos ademais algunhas sesións de choiva de ideas con diferentes colectivos sociais ou persoas creadoras da cidade.

É tan fermoso sentir as follas outonais baixo os pés mentras a choiva cae lánguida…